Portada  Libro de visitas Imágenes Rastro Foros de debate Páginas amarillas Glosarios  
   A web na que todos colaboramos V. 4.1

13 de novembro de 2004 Día da Dignidade

Sábado 13 de Noviembre de 2004

Dous anos de Prestige: Seguimos a exixir solucións e xustiza Estamos a dous anos vista daquel fatídico 13 de novembro, no que o accidente do petroleiro Prestige acabou orixinando unha catástrofe (pola inacción do Goberno) que asolou a case totalidade da nosa costa cunha maré negra de enorme magnitude e con repercusións ambientais, sociais, económicas e sanitarias certamente alarmantes. Desde o primeiro día, “Nunca Máis” -recollendo o amplísimo sentir da sociedade galega-, mobilizouse reclamando solucións e pedindo responsabilidades.

As solucións á maré negra do Prestige eran solucións a curto, medio e longo prazo, xa que eramos -e somos- conscientes de que unha catástrofe ambiental como esta exixe, para a súa superación, a implementación dunha serie de actuacións e medidas sostidas no tempo. No momento actual, cando xa transcorreron dous longos anos, “Nunca Máis” entende que a situación non está nin moito menos superada, dado que a persistencia dos efectos da maré negra do Prestige é algo máis que evidente, ademais de que foron moi cativas as medidas que se tomaron para evitar un desastre similar no noso litoral. É por isto polo que este 13 de novembro, ademais de conmemorar a data como o Día da Dignidade, saímos novamente á rúa para reclamar ante os poderes públicos unha serie de demandas pendentes que cómpre atender.

POR UNHA REXENERACIÓN DO MEDIO MARIÑO E DO LITORAL QUE GARANTA A SÚA RECUPERACIÓN E CONSERVACIÓN

A afectación do litoral e do medio mariño exixe un labor continuado de rexeneración, que teña unha planificación clara, así como unha dotación económica e de medios para ese fin. “Nunca Máis” continúa a demandar:

· Aplicación da biorremediación nas zonas de rochedo afectadas, así como a recollida sistemática dos residuos de fuel que aínda chegan ás praias.

· Implementación dun Plan de Recuperación do ecosistema, sostido no tempo, e unha rede das chamadas “Arcas de Noé” ao longo da costa.

POR UN APOIO REAL AO SECTORES PRODUTIVOS QUE VOLVA A DINAMIZAR A VIDA ECONÓMICA DOS DEVANDITOS SECTORES E ZONAS AFECTADAS

As perdas produtivas nos nosos recursos mariños por mor da maré negra están a ser significativas, cun índice de case o 25% de redución de capturas para este ano. Para paliar isto, “Nunca Máis” segue a pedir:

· Adopción de medidas compensatorias reais de apoio e recuperación económica (a produtores, depuradores, comercializadores, sector turístico…).

· Desenvolvemento dun Plan de recuperación e repoboación de especies de valor comercial, en proporción ao nivel de catástrofe experimentada.

POR UN ESFORZO INVESTIDOR E ORZAMENTARIO QUE CONTEMPLE A EXCEPCIONALIDADE DO NOSO PAÍS TRAS A MARÉ NEGRA

Nin os Orzamentos de 2004 nin os de 2005 (na súa recta final de tramitación) fan xustiza á realidade e ás necesidades do noso país tras a catástrofe do Prestige, xa que apenas consignan partidas en capítulos tan significativos como a recuperación ambiental ou a seguranza marítima. Así é que “Nunca Máis” continúa a exixir:

· Unha dotación orzamentaria para este e os vindeiros anos que estea acorde cos intereses xerais e as necesidades do noso país, sobre todo no que ten a ver con materias como a seguranza no mar e a rexeneración do medio mariño.

POR UNHA MAIOR SEGURANZA NO MAR QUE PREVEÑA EFICAZMENTE A POSIBILIDADE DE ACCIDENTES MARÍTIMOS E EVITE NOVAS CATÁSTROFES

A respecto da maré negra do Prestige, unha das grandes materias pendentes é a referida á seguranza marítima, tanto no que ten a ver coa prevención de accidentes no mar como no tocante a medios de protección do noso litoral. Nese sentido, “Nunca Máis” segue a exixir:

· Designación da zona marítima galega como “área especial” ao abeiro do Convenio internacional MARPOL. Alongamento do Disposición de Separación do Tráfico Marítimo de Fisterra, con cobertura vía satélite, medios operativos permanentes e unidades de vixilancia marítima (navais e aéreos).

· Aumento da cantidade e calidade das inspeccións de buques que atracan nas nosas costas.

· Dotación de remolcadores de >150 Tn de potencia de tiro localizados permanentemente na costa galega. Construción de buques anti-contaminación con capacidade de almacenaxe de 3000 m3 e con base en Galiza. Asignación da súa construcción aos asteleiros públicos galegos.

· Estabelecementos de Centros de Almacenamento ao longo da costa galego, dotados de medios de protección operativos. Implementación do Plan de Continxencias da Xunta, con plans de continxencia de rías e portos.

· Estabelecemento urxente de Lugares Refuxio na costa galega, dotados de medios e con plans e protocolos de actuación.

Redactado por Redacción el Sábado 13 de Noviembre de 2004
Comentarios
Comentar este artículo









¿Recordar estos datos?




Por favor repite la siguiente combinación de números en el cuadro inferior para comprobar que hay un "ser humano" rellenando el formulario.