Presentación do filme Santa Liberdade en Goián
Sábado 4 de Diciembre de 2004
O guardés Luís Noya, testemuña directa dunha acción política espectacular.
A Asociación Cultural Eliseo Alonso presenta o filme SANTA LIBERDADE dirixido por Margarita Ledo Andión o próximo venres 10 de decembro ás 20:00 horas no auditorio de Goián.
En 1961, un grupo de antifascistas galegos e portugueses toma por asalto o trasatlántico portugués Santa María- rebautizado co nome de SANTA LIBERDADE , que con máis de mil pasaxeiros a bordo, a maioría galegos, dirixíase dende Venezuela ó porto de Vigo. Baixo as ordes de Xosé Velo, Xurxo Fernández de Soutomaior, Humberto Delgado e Henrique Galvao o comando do DRIL- Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación- quería chamar a atención sobre as Dictaduras de Franco e Salazar.
O 27 de xaneiro de 1961 o presidente Kennedy informa de que o barco foi localizado ó norte da desembocadura do río Amazonas, de que non deu ordes de abordaxe e que a VI Flota ten como misión acompañar ó trasatlántico. O SANTA LIBERDADE entra en Recife despois de que Jánio Quadros, recén nomeado presidente do Brasil, conceda o dereito de asilo e deixa libres ós militares. A prensa española destaca a confabulación masónica. A portuguesa fala de complot internacional e de acto de piratería.
Tres dos membros do comando volven a atoparse por primeira vez para ser as personaxes centrais da película. A directora recupera documentos gráficos da época e incorpora as únicas imaxes filmadas a bordo. Realizounas Luís Noya, un pasaxeiro da Guarda que estará en Goián para recordar como viviu a “Operación Dulcinea” o nome desta sorte de utopía que durante trece días protagonizan 24 anti-fascistas baixo as siglas DRIL.
Margarita Ledo Andión, Catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Compostela encargouse do guión da dirección e a montaxe. Luis Abramo Campos e Rui Poças da fotografía e Manuel Rodeiro da música. O filme acaba de presentarse en París despois de pasar pola Filmoteca Nacional, o Festival internacional de Documentarios de Lisboa, o festival Cineeuropa de Compostela e as salas de cine de Madrid e Barcelona.
Redactado por Fernando Coello el
Sábado 4 de Diciembre de 2004