Nota do Grupo Municipal Socialista: O Museo do Mar
Lunes 30 de Enero de 2006
No Pleno Ordinario de xaneiro interesámonos polo asunto do Museo do Mar ó ter noticias, a través do rexistro do Concello, de que ANABAM ía retirar naqueles días o material que tiña depositado no Centro Cultural.
Ata o ano 2001 funcionou nunha sala deste Centro o Museo do Mar. No mesmo escrito, ANABAM anunciaba de que se antes do 14 de xaneiro o Concello non lles notificaba o seu interese neste tema, buscarían local ou entidade que colaborase con eles para expoñer ó público ditas pezas.
Na nosa exposición plenaria dixémoslle ó Grupo de Goberno que falaran cos responsables de ANABAM e que se involucraran para resolver o problema, despois de catro anos de total desidia e deixadez.
O que noutro tempo foi o Museo do Mar no edificio do Centro Cultural é hoxe unha sala que fai funcións de arquivo municipal, almacén de radios e televisores vellos e depósito de pezas realacionadas co mar (ás que se refire ANABAM e que esta asociación aportou), todo en total e absoluta desorde.
O patrimonio etnográfico está a ser protexido en moitos pobos e vilas da nosa xeografía. No noso pobo aínda non. ¿Que fixo o Concelleiro de Cultura nestes últimos catro anos polo Museo Etnográfico do Mar? Aparte de amontoar tódalas pezas e xuntalas con papeis e radios, ¿que xestións fixo, Sr. Fariñas, a favor do Museo? ¿Ou quizais pensaba poñer o Museo do Mar na Casa dos Alonsos, para a que perderon as subvencións do 2005 e 2006 por valor de 40 millóns de pesetas?
Nunca é tarde se hai interese e ganas. Xunto co Museo do Tegra sería bo contar cun Museo do Mar xestionado polo Concello. Xa temos unha boa colección de pezas se falamos e nos entendemos cos seus propietarios. Pasamos a vida queixándonos de que a xente que nos visita non durme aquí. ¿Ofrecémoslles o suficiente para que se queden, alomenos, un par de días entre nós?
Sr. Alcalde, Sr. Concelleiro de Cultura: fagan o que non fixeron en catro anos. Póñanse en contacto con ANABAM, subscriban un convenio e poñan en marcha o Museo do Mar. Seguro que ANABAM, verdadeira artífice do Museo que houbo ata o 2001, está disposta a chegar a un acordo bo para A Guarda.
A Guarda, 26 de xaneiro de 2006
Polo Grupo Municipal Socialista
Redactado por Redacción el
Lunes 30 de Enero de 2006