A Consellería de Medio Ambiente vai construir un novo depósito de augas en Camposancos
Viernes 28 de Abril de 2006
O novo depósito da traída de augas de Camposancos, solicitado pola Entidade e que onte confirmou o Delegado da Consellería de Medio Ambiente, terá unha capacidade cinco veces superior a do actual e solucionará completamente os problemas de abastecemento desta parroquia que, no verán, duplica a súa poboación e que, ademais, ten dende o ano pasado unha necesidade maior ó ter que abastecer ó xeriátrico.
A visita do Delegado Provincial responde a unha demanda do Grupo Municipal Socialista para transmitirlle as necesidades prioritarias de A Guarda que son competencia de Medio Ambiente, entre as que está a de completar o saneamento en tódolos lugares do Concello, e que van ser estudiadas con moito interese, en palabras do Delegado, para levalas adiante nun futuro próximo.
Na visita estivo acompañado polo Presidente da Entidade de Camposancos, polo Portavoz do Grupo Municipal Socialista e a totalidade de concelleiros deste grupo e por outros responsables socialistas do Baixo Miño e serviu para que coñecera, sobre o terreo, as necesidades que temos.
O Delegado mostrou a súa preocupación polo río Miño e o seu contorno e porque non sufra máis deterioro medioambiental. Tamén afirmou que a súa Consellería traballa a fondo no que chamou “o ciclo da auga” que debe rematar, dixo, coa súa devolución á natureza perfectamente depurada. Neste sentido fixo un chamamento para que tódalas administracións se impliquen no saneamento e depuración de augas.
A visita enmárcase dentro dos contactos que Domínguez Freitas ven mantendo con altos responsables da Administración da Xunta e responde á preocupación que temos por non quedarnos atrás en infraestructuras básicas, dado que comprobamos día a día que o goberno municipal ten unha total despreocupación diante de necesidades urxentes.
Redactado por Grupo Municipal Socialista el
Viernes 28 de Abril de 2006