Case en setembro e sen orzamentos
Viernes 25 de Agosto de 2006
Perderemos unha morea de subvencións, igual co ano pasado
A historia repítese, desafortunadamente para o pobo de A Guarda. O ano pasado, o día 8 de agosto, denunciábamos na prensa que a esa altura do ano non tiñamos Orzamento Municipal e alertábamos do risco que iso tiña : podían perderse as subvencións.
Así foi : como ben sabe a cidadanía, no ano 2005 e por culpa da desidia e do pasotismo de PP e IVdoBM perdéronse máis de 100 millóns das antigas pesetas en subvencións.
Estamos a 25 de agosto do 2006 e non temos Orzamento Municipal. Non fai falta ser adiviño para anunciar que, ó igual que aconteceu o ano pasado, imos perder un importante número de subvencións ou, o que é o mesmo, un bo número de obras que redundarían en beneficio dos veciños e veciñas do Concello.
Coñecido é que a Riego hai xa moito tempo que non lle importa o Concello; o máis lamentable é que o P.P. consinta esta situación. E mentres tanto, o Alcalde sae nos medios dicindo que a Xunta maltrata ós concellos do Baixo Miño. Non sabemos que acontece noutros concellos, pero polo que lle toca a el, debera estar moi caladiño : ¿como se atreve a falar de que non lle dan se o que lle concederon o ano pasado perdeuno por pasota e ineficaz, e este ano vai pasar o mesmo? ¿como se atreve a falar doutras casas se a súa está feita un desastre e un caos?
Hai bastantes meses (cando o da “ruptura” de Fariñas) o Alcalde dicía na prensa que buscaría o consenso con tódolos grupos da oposición no tema do Orzamento. A nós ninguén nos chamou ata agora e hoxe xa é tarde. A meirande parte das subvencións xa están perdidas, porque estamos seguros de que non farán o do ano pasado: remitir facturas de obras sen facer.
Non nos chame, logo, para falar dun Orzamento que non vale para nada. Tivo tempo dende marzo e non o fixo. Agora non tente compartir responsabilidades: Vostede e o Partido Popular, que consinte, son os únicos responsables da desfeita. E sexa modesto : só ten 6 concelleiros dunha Corporación de 17 (ou 8 se conta con Fariñas).
A Guarda, 25 de agosto de 2006
Redactado por Grupo Municipal Socialista el
Viernes 25 de Agosto de 2006