Portada  Libro de visitas Imágenes Rastro Foros de debate Páginas amarillas Glosarios  
   A web na que todos colaboramos V. 4.1

O PP presenta unha moción ao concello sobre a crise do sector pesqueiro

Lunes 14 de Enero de 2008

O Grupo Municipal do Partido Popular de A Guarda, presenta, ante este concello, a seguinte proposición non de lei para tratar con carácter de urxencia en Pleno.

Exposición de motivos: Un dos aspectos que maior desequilibrio pode provocar na conta de resultados dunha empresa, dun autónomo, ou na economía dun profesional, é que determinados gastos fixos, como pode ser o combustible, sufran unha variación substancial que faga do traballo diario unha actividade pouco rendible ou, incluso, desvantaxosa. Desta situación non son alleos os profesionais que integran o sector pesqueiro galego en neste caso de A Guarda, que están a ver como, nos últimos meses, o prezo do combustible utilizado polas embarcacións non só está a sufrir un exponencial crecemento, senón que, incluso chegou a incrementarse nun 127% desde o 2005, e máis dun 38% nos últimos seis meses.

Este nivel de gastos é por definición inasumible a longo prazo e, en consecuencia, provoca unha situación insostible para moitas empresas, mariñeiros e armadores que, como única solución inmediata prevén o amarre das súas embarcacións.

Ante esta crúa realidade, o lóxico sería contar co auxilio das distintas administracións que, como a Xunta de Galicia ou o Goberno central, ou mesmo a través do propio concello, non só teñen medios máis que suficientes para articular mecanismos de axuda ao sector pesqueiro senón que, a maiores, dispoñen dos resortes axeitados para promover un control máis exhaustivo dos actuais prezos.

Nin desde Madrid, nin desde Santiago,nin desde o concello de A Guarda, se poden conformar afirmando que se trata dunha situación conxuntural, ou escusándose pola súa insolvencia para pór fin a unha inflación descontrolada, que ata chega a afectar aos produtos máis básicos. Tanto o Goberno local, o galego e o central deben abandonar a súa actual posición de desinterese para traballar en favor do sector pesqueiro, isto é, para contribuír eficazmente a superar a actual crise, que afecta por consecuencia o resto do comercio local.

Á vista dos acontecementos, está claro que os nosos gobernantes non souberon defender satisfactoriamente ao sector pesqueiro. Non o souberon facer cando articulan mecanismos como os minimis que son axudas que chegan con retraso, xestiónanse tarde e ingrésanse aínda máis tarde; axudas que ademais, pechan a porta de forma expresa ao acceso a outro tipo de subvencións durante un periodo de tres anos, un prazo de tempo claramente excesivo a xuízo da evolución actual nos prezos. Tampouco acertan os nosos gobernantes cando negan, sen deixar o menor espazo para reconsiderar a súa postura e facer unha sosegada análise, a posibilidade de establecer un tope máximo ao gasóleo utilizado polos profesionais da pesca, cando desprezan outro tipo de subvencións destinadas ao control dos prezos -como poden ser ata a rebaixa da carga fiscal do gasóleo ou a creación dun combustible profesional-, ou cando desprezan a articulación de descontos ou beneficios nalgúns impostos como o de Sociedades para os profesionais que se ven inmersos nesta crise. Desde a Xunta de Galicia e desde o Executivo central refugan, en definitiva, posibles solucións que resultarían eficaces para minimizar o impacto da crise.

En todo caso, o máis preocupante da situación actual, ademais da súa repercusión directa e inmediata na economía diaria dos centos de familias do cal o traballo, na Guarda, depende directamente do aproveitamento dos recursos do mar, é observar a falta de vontade política dos actuais gobernantes que, pese a ter á súa disposición fórmulas para atallar os efectos perniciosos deste descontrol de prezos nos combustibles, non fan nada, e se limitan a dar as costas ao sector pesqueiro, cando atravesa unha das súas máis graves crises, permanecendo inactivos xa ben sexa por unha cuestión de incapacidade manifesta na defensa da nosa pesca ou, o que é aínda máis grave, por simple desidia. En base ao exposto con anterioridade, O Grupo Municipal do Partido Popular, considera preciso levar a pleno a seguinte MOCION co seguinte

Acordo a adoptar:

Único.- O Grupo Municipal do PP de A Guarda insta as administracións local, Xunta e Goberno Central a que realice as xestións diante das administracións competentes co obxecto de promover as seguintes medidas:

a) A habilitación dun mecanismo polo que se leven a cabo descontos directos aplicables ao prezo do gasóleo, co obxecto de compensar o espectacular incremento sufrido nos últimos anos que ameaza con facer non rendible a actividade pesqueira.

b) Que se poña en marcha unha campaña de promoción dos produtos pesqueiros, destinada a fomentar a venda e consumo de peixe, co obxecto de que contribúa a frear a depreciación das especies comerciais de máis interese para Galicia.

c) A posta en marcha dunha batería de medidas fiscais, que inclúan a exención do pago de coutas sociais durante seis meses e desgravacións no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas e no Imposto de Sociedades que está a ser soportado polos axentes do sector pesqueiro.

d) Elaborar en compañía das distintas administracións implicadas, sindicatos e organizacións pesqueiras máis representativas, un plan estratéxico da pesca para os próximos anos, que inclúa un instrumento de análise e observancia da evolución dos prezos do gasóleo, por si esta requirise da implementación de mecanismos compensatorios.

A Guarda, 12 de xaneiro de 2008

Redactado por Redacción el Lunes 14 de Enero de 2008
Comentarios
Comentar este artículo









¿Recordar estos datos?




Por favor repite la siguiente combinación de números en el cuadro inferior para comprobar que hay un "ser humano" rellenando el formulario.