Compromisos electoráis do Concello
Viernes 13 de Marzo de 2009
O alcalde da Guarda considera satisfactorio o nivel de inversións e de compromisos adquiridos pola Xunta de Galicia neste ano e medio de mandato municipal e confía en que a nova administración autonómica dé continuidade os proxectos iniciados no concello da Guarda polo anterior goberno da Xunta de Galicia.
No último ano e medio, é dicir, dende as últimas eleccións municipais, o concello da Guarda xestionou diante de distintas consellerías da Xunta de Galicia unha serie de investimentos no noso concello que a día de hoxe atópanse en distintas fases de materialización que esperamos teñan continuidade no futuro.
Ó longo do ano 2008, subvencionado pola Consellería de Traballo, levouse a cabo o Obradoiro de Emprego Manuel B. Portela V, con 32 alumnos distribuidos en catro módulos: carpintería, cantería, xardinería e atención no fogar, e que supuxo unha inversión de máis de 650.000 €.
Entre os proxectos que xa se están executando atópase, entre outros, o Plan Director do Monte Santa Trega, financiado pola Consellería de Cultura, que se está a redactar e que esperamos teña continuidade coa execución das obras que este plan acabe recollendo.
Outro proxecto importante é o da Mellora do saneamento e abastecemento nas rúas Diego Antonio González e Galicia cun orzamento de 856.000 € financiado pola Consellería de Medio Ambiente. Esta obra está adxudicada e esperamos que se inicie en breve.
Tamén se está a executar a 1ª fase da Casa dos Alonsos, futura Casa do Concello,
cunha subvención da Consellería de Presidencia. Temos a seguridade de que, en breve,se nos outorgarán os fondos necesarios para rematar a obra según se nos comprometera polo goberno saínte.
Un dos proxectos máis ambiciosos é o das Beirarrúas da estrada do Castro que no momento actual conta coa aprobación do Consello da Xunta e convenio firmado entre a Conselleira de Política Territorial e o Alcalde da Guarda por un importe de 1.050.000 € dividido en dúas anualidades, 300.000 € no ano 2009 e 750.000 € no ano 2010, con cargo á partida orzamentaria 2009 08 03 512B 600.1, código de proxecto,1994-06057.
Actualmente estase a redactar por parte da Consellería de Política Territorial o proxecto para un Centro Multiusos, que esperamos sexa pronto unha realidade na parcela que o concello ten nas inmediacións do Castelo de Sta. Cruz. Esta mesma consellería está redactando o anteproxecto de senda na Circunvalación ó monte Sta Trega (PO-352) entre o transformador de Camposancos e o stop coa estrada do Pasaxe.
Do mesmo xeito confiamos que o novo executivo execute a Circunvalación á Guarda, comprometida polo goberno anterior, e último treito da autovía Tui- A Guarda, que evitaría moito tráfico innecesario polo casco da vila.
Urximos ó novo goberno a que axilicen as xestións e trámites do Parque Industrial de A Guarda-O Rosal para que, axiña, poidan escomenzar as obras de urbanización e radicarse alí as nosas empresas.
Por último,e no eido da Sanidade, estamos seguros de que se respectará o compromiso que había de implantar o Servicio de Radioloxía no noso Centro de Saúde, o que evitará o desprazamento de moitos pacientes a Tui e Vigo.
A Guarda, 13 de marzo de 2009
O Alcalde,
José Manuel Domínguez Freitas
Redactado por Redacción el
Viernes 13 de Marzo de 2009