A Dona Carmen García Braga, Presidenta de ACIGU CCA y representante de I. M. Díaz S.L. A Guarda
Tivo entrada no rexistro do Concello un documento asinado por Vde. de data 17 de febreiro e nº entrada 1083 que non merecería resposta de non ser porque, de xeito calculado e tendencioso, terxiversa as cousas arrimando, e nunca mellor dito, a sardiña á súa áscua e tentado confundir á opinión pública.
Como as súas maneiras de facer e as nosas non son, afortunadamente, as mesmas, xa hai unha semana presentou no Concello un escrito polo mesmo motivo que inmediatamente mandou ós medios de comunicación. Nós remitímoslle un escrito de resposta, evidentemente oficial, que non pasamos pola prensa. Como queira que onte protagonizou uns feitos que merecen ser comentados e hoxe remitiu o escrito arriba aludido, que seguramente xa teñen os medios, queremos facer as seguintes consideracións:
a.- Os que coñecemos de vello as súas maneiras de ser e de proceder non nos extrañamos do seu comportamento de onte. A interventora e o tesoreiro do Concello aínda non saen hoxe do seu asombro, xa que Vde. entrou nas súas oficiñas como un elefante nunha cacharrería. A boa educación e as boas maneiras, sempre.
b.- Independentemente do seu comportamento que non queremos pararnos a analizar, é obrigado facer unha serie de reflexións sobre o contido do primeiro escrito (9 de febreiro) no que falaba de facturas impagadas a diverasas empresas de principio do ano 2009. Confesamos que nos preocupou esa noticia. Por iso demos instruccións ós servizos económicos do Concello para que indagaran estes supostos impagos. Quedamos abraiados porque desas averiguacións resultou que os únicos proveedores que non cobraron facturas de principio do 2009 foron as que tiñan débedas co Concello. Entre elas, estaba I.M. Díaz, da que vostede é representante. O recibo de lixo do 2009 pagouno esa empresa a mediados de decembro cando o período de pago finalizara o 20 de abril.
c.- Invitámola a que se pare a pensar na utilización que fai das siglas dunha asociación, que nos merece todo o respecto, para o seu interese propio. Sería igual de atendida, como o son tódolos cidadáns que veñen ó Concello, se o fixera en nome da empresa que representa. Consideramos pouco intelixente que Vde. mesma faga público que a Presidenta de ACIGU foi debedora coa facenda municipal ó longo de case todo o ano 2009.
e.- Resultou un espectáculo lamentable que as dúas persoas que a acompañaban non abriron a boca nas tres dependencias que visitaron. Só o precepto de obediencia debida xustifica o calvario que sufriron. Por certo, diante da evidencia que se trataba dun asunto particular, a concelleira, de boas maneiras, como é o seu proceder habitual, invitou ás dúas acompañantes a abandonar a dependencia da reunión.
d.- Reitera Vde. nos dous escritos que o goberno municipal pagaba a 60 días. Non temos ningunha dúbida de que así o faría coa súa empresa. Dende logo non era a práctica habitual co resto de proveedores. Aínda hoxe o Concello está a facer fronte a facturas que veñen dos anos 2005 e seguintes.
En conclusión, non se sinta Vde. discriminada. Non o é. E saque dúas leccións. A primeira, que se Vde. está ó corrente no pago dos seus impostos, o Concello pagaralle igual cos demais que cumpren coas súas obrigas. O Concello non pode pagar a unha persoa ou empresa se esta persoa ou empresa lle debe cartos ó Concello, porque é un imperativo legal. A segunda, que hai asuntos que é mellor non airealos.
A Guarda, 17 de febreiro de 2010
O Alcalde,
José Manuel Domínguez Freitas
Redactado por Concello da Guarda el
Jueves 18 de Febrero de 2010